Latín dos políticos

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

04 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

A PEDRA que romperon os canteiros en Parga é semellante a estoutra, a que desbastan por un Goberno de coalición Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana. Distintas son as ferramentas que empregan os políticos. Da negociación vai ter que saír unha figura consistente e ben labrada. A iso están obrigados, a deixar as macetas e punteiros para os arxinas e coller deles, se acaso, só o verbo ou latín dos canteiros. A finalidade é a dun acordo. Unha avinza por ben das políticas progresistas e doutro futuro distinto para Galicia. Entrar no debate dos nomes, nos vetos, no reparto de cargos, etc., son trapalladas da política de perna curta. Necesidades que a nós, os cidadáns, non deberan interesarnos máis cós pasos longos; é dicir, os feitos que despexen o camiño das silveiras que ata o de agora impedían ou dificultaban o libre paso. Os nosos políticos, os que pretenden levar a bo porto outra maneira de facer as cousas, deben saber que a sociedade galega está a miralos con expectación. Sáibanse, pois, observados e sexan conscientes, eles, de que tamén nosoutros sabemos latín como para decatarnos de se vai haber concentración ou máis minifundios políticos.