Sol sostido

| XOSÉ MARÍA PALACIOS |

LUGO

DESDE EL ADARVE

17 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

SE as previsións meteorolóxicas non enganan, mañá quentará o sol. Non é nada extraordinario porque estamos no mes de xuño: as tardes son longas, as cereixas chegan aos mercados e a xente comeza a ir á praia para bañarse e tomar o sol. Para os que procuramos ir á praia todo o ano cando as circunstancias nolo permiten, o bo tempo é unha ledicia aínda que supoña unha derrota fronte a unha perigosa tentación. Por unha banda, contradicimos esa tendencia segundo a cal o turismo de sol e praia está en decadencia; por outra, non nos sorprendería que un día, na Gañidoira ou na Xesta, aparecesen carteis que animasen aos automobilistas a dar a volta e volver para a casa para evitar eses antigos costumes de pasear á beira do mar, escoitar as ondas ou sentir a area debaixo dos pés. Pero o márketing ten un límite e algunhas modas resisten. Xa que logo, os que mañá collan o coche para ir a Viveiro ou a Foz deben de pasar antes por un sitio. ¿Por onde? Pola farmacia, porque a pel necesita atención e coidados.