Inaugurada a feira luguesa, que conta ata o domingo con 19 casetas A concelleira de Cultura animou a promover unha industria «que dá de comer a moita xente»
11 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.A concelleira de Cultura, Concepción Burgo proclamou onte na inauguración da vintetrés edición da Feira do Libro de Lugo, o seu orgullo porque cada vez acudan máis libreiros á mesma. Burgo chamou a defender o libro e aos libreiros, «unha industria que dá de comer a moita xente», subliñando o papel do libro como transmisor do coñecemento. «A imaxe é unha cousa do século XX pero desde antes, o libro é o gran obxecto de transmisión da memoria do pobo», sinalou a concelleira. Ao mesmo tempo, o libreiro Antonio Fernández Maira pedía «un voto para o libro, para os lectores e para os libreiros». O pregrón pronunciouno Xosé Carlos Caneiro, resaltando que «o libro galego ten que aprender a querese a si mesmo» ao mesmo tempo que animaba a fuxir do «vicio estatístico». «Eu non son minifundista, o que me preocupa é que a literatura chegue a ser un produto industrial», dixo. Na opinión de Caneiro, a comodidade que leva á literatura a competir co cine, tamén é prexudicial. No ano de exaltación do Quixote e de Cervantes, el tamén reivindicou a Cunqueiro e o seu Merlín , ao mesmo tempo que citaba a escritores lugueses como Rof Carballo, Correa Calderón, Luis Pimentel, Celestino Fernández de la Vega, Luz Pozo, Francisco Fernández del Riego, Ánxel Fole, Manuel María ou Fiz Vergara Vilariño. Entre os libros galegos máis presentados nas casetas da feira figuraban os de Manuel Rivas, Carlos Casares ou os ensaios de Xosé Luis Barreiro Rivas A terra quere pobo , e A estrela na palabra , de Xosé Manuel Beiras. Precisamente este asinará exemplares o vindeiro martes ás sete da tarde xunto con Francisco Pillado Maior e Miguel Anxo Fernán-Vello. Barreiro Rivas participará nun debate sobre o seu texto publicado por Galaxia, o mércores ás oito da tarde. Mañá asinará os seus libros o escritor lugués Xosé Miranda e Julio Reboredo presentará o recentemente editado Historia de España contada por estudiantes . Este ano a feira conta con 19 casetas situadas fronte á casa do Concello de Lugo. Nelas expoñen librarías de Vigo, Lugo, Santiago e A Coruña, ademais dalgún organismo oficial. Estarán abertas ata o vindeiro domingo e o horario da feria é de 11.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 21.30 horas (11.00 a 14.30 e 17.30 a 22.00 horas durante as fins de semana).