¡Por un papeliño!

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

02 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

SE UN día soubemos que alguén fuxiu do hospital Xeral-Calde sen que ninguén se decatara, noutro lemos que un delincuente foi condenado a unha pena de prisión por roubar nos armarios dun deses centros. Asemade, se un día espertamos cun esperanzador avance médico na cura do cancro ou coa merca de nova tecnoloxía, noutras moitas e frecuentes ocasións temos coñecemento de importantes deficiencias no servizo sanitario galego. Paralelo a iso, ás veces os sucesos son iso, sucesos que poderían ser evitados cunha mellor atención e algo de sentidiño común. Vexan. Cóntanme que un home montou en cólera no hospital San Xosé logo de que ninguén fixera caso do que de boa fe pedía. Ao parecer, o anoxado foi cun problema na vista e xa estaba farto de que o mandaran dun lado para outro sen darlle solución. Así que visto que esta non chegaba, tivo o acerto de pedir un xustificante do porqué da súa ausencia no traballo. Pero ninguén estaba disposto a darllo, así que do golpe que deu enriba do mostrador mesmo fixo erguer á curiosidade da xente. Home, non son modos pero talvez houbera maneira de darlle o papel sen ter que inda ir el a Inspección. Alí si.