NO OUTEIRO | O |
28 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.NO MEDIO das vinte e tres mil racións de empanada, que Fraga empregou para contabilizalas en afluencia ao seu mitin de Silleda, houbo polo menos unha intrusa. Non é invención miña, foi comentario dunha militante do PP (emparentada cun alto cargo do partido) ao ver alí diante a certa persoa da súa veciñanza. Debeu ser tal a súa sorpresa que segundo me contan exclamou: «¡Vaites, aquí hai moito intruso!». E se era así, qué pintaba logo alí. ¿Por que foi? Quizais porque o menú era de balde; talvez porque quixera comparar, pois a acusada de intrusismo efectivamente estivera xa no mitin que deu Zapatero en Amio, si. Un inciso aquí: á hora da comparanza.., en número gañaron e de sobra os populares; pero dinme que no mitin do PSdG houbo mellor organización e a comida foi máis saborosa. En todo caso, ás costas de ter que pagala, o cal amosa maior interese. Agora ben, semella que a razón principal da viaxe a Silleda foi a de ser amiga e veciña dun sindicalista agrario afín aos populares, que non sabía de que xeito encher o autobús. Cóntese con isto para o mitin do Monte do Gozo, non vaia ser que cheguen a pouco as 30.000 racións.