Rapaces en prol da defensa do galego

RUTH FERNÁNDEZ

LUGO

EN FEMININO | O |

04 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

ESTE luns a cidade de Lugo encheuse de rapaces en prol da defensa do galego, unidos nunha carreira pola Muralla e logo concentrados na Praza de Santa María para desfrutar dunha actuación musical. Este ano o Correlingua tiña como lema «un bico na lingua» e con esa mensaxe os rapaces de secundaria de moitos dos centros de ensino da capital e da provincia déronse cita, anticipándose á celebración do Día das Letras Galegas o vindeiro 17 de maio. Un ano máis esta iniciativa pretende facer fincapé na importancia do emprego da lingua materna, indo contra a desidia que fai que moitos deixen o idioma con que foron arrolados nun segundo plano. Tamén se chamou polo galego nun acto que tivo lugar a semana en homenaxe ao poeta da Terra Chá. Mini e Mero, xunto a outros integrantes do grupo A Quenlla, como en cada unha das súas actuacións, lanzaron un manifesto en defensa da lingua galega, esta vez musicando versos de Manuel María e traendo ao presente desa velada cancións dos seus traballos. Lugo encheuse de poesía e melodías que saían con mestría dos beizos dos nosos cantores pola patria e as liberdades. Pequeno quedou o salón de actos da Caixa Galicia, tanto que moitos quedaron de pé, e outros sentamos no chan. Unha actuación de xúbilo, de compromiso, e tamén de agarimo. A seguir así, amigo.