TRIBUNA | O |
25 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.NON SEI facer nada na vida. Son o que se di un inútil. Pero iso non obsta pra que alguén dos demais, os outros, che espeten que non sabes facer nada, que és un inútil, tal e como me acaeceu descargando un par de veces un inmenso tráiler de fariña en Oleiros, na Coruña. Isto non se debe dicir nunca sob pena de que Deus e a miña propia sensibilidade ou a súa, querido lector, poderosas e inmisericordes, nos fagan os seres máis aptos e exquisitos do mundo. E os deixemos no máis estrepitoso dos ridículos. Estoutro día, coa miña forza natural (polo momento estou ben mantido) pero coa miña brutal delicadeza desfixen, estraguei, un almario (a miña alma impropia). Miña irmá saltou que nunca ía «ter nada», cando sempre me guiei polo amor. Coa desfeita do almario non desfixen a alma pero si a orde racional do mundo e das súas consecuencias lóxicas... Non debo nin podo botarme terra enriba por iso. Isto só vai dirixido a ti, persoa máis «inútil» ca min e que eu te aprezo. Tiven amoríos e nunca coñecín o amor. Un pobo de labradores e todos snobistas: «la nubecita del té inglés». Non hai persoa inútil: todos somos precisos e necesarios no mundo. Un supoñer, aquil que vai en silla de rodas. Seméllame a imaxe máis certeira de persoa apta por exemplo pra contemplar, pra exercer de contemplativo, de «religador» contemplativo, antes de ser relixioso. Está mui ben iso de non saber facer nadiña na vida. Semella unha cuestión de principios cuase morais. Trátase dunha delicadeza de espírito mesmo. Demasiado experto en todo. ¡E energúmenos!