Xa pasou o Entroido...

MANUEL XOSÉ NEIRA

LUGO

TRIBUNA | O |

12 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

ALÓ FORON, xa pasaron, as festas más rebuldeiras do ano. As festas máis transgresoras e míticas. Non podemos esquecer o Entroido de Laza, de Verín, de Xinzo de Limia... Pero Lugo -e iso pro ano que vén que iste xa pasou-, debera ser tamén un centro de máis troula rexoubeira. Un sempre matinou nun barrio, o barrio Feixóo ou do tamén chamado do ladrillo (il só xa de nome de conto ou ben de composición literaria) e pensou, matinou alí un curioso conto festeiro quizabes na pluma de Paco Martín. Un contiño ou relato na onda do noso don Ánxel Fole. Podémoslle dicir que é o conto que nos debe Paco Martín así como Ánxel Fole falaba de benefactor e filántropo da cultura galega, o coleccionista insigne e bibliófilo Fermín Penzol: «o whiski que nos debe Fermín Penzol», dicía don Ánxel Fole dil por ignoro qué escuro asunto ou affaire . No Entroido non é, no foi só o comer e o beber, que si o é , a data máis propicia pra beber unha copiña de mais, un que cuase que abstemio. Eu lembro o vestir e pintarmos a mona polas parroquias adiante. O canto dos Reis por meus irmaos maiores máis ca por min mesmo. Todo un mundo medio perdido, olvidado xa, un mundo en forma de extinción, un mundo que estiña e se vai quedando nas liñas esenciais, paradigmáticas, esencialistas pero sen o dato ou anécdota local. Xa digo que Paco Martín lles debe aos lugueses un conto ou relato sobre o Entroido focalizado no barrio Feixóo, ou no gracioso barrio do ladrillo que vén sere o mesmo, a mesma cousa. Hai un volume que merquei iste ano sobre o Entroido en Galiza, de Federico Cocho, que parece importante, de sumo interese. O mesmo Entroido da rúa Ourense onde viviu Paco Martín. Así como a Semana Santa en Lugo merece unhas páxinas dignas du Gabriel Miró que eu propio tentarei con ardentía e teimosía, Paco debe tentalo co Entroido na onda-liña de Valle-Inclán. Dime asimesmo o amigo Xulio Arias que o esperpento non é o asunto dos espellos cóncavos e convexosdo calexón do Gato en Madrid. O esperpento nace das entrañas da nosa benquerida Galiza. E no centro do Entroido latexa un dos más ricaces, mellores e máis sabios esperpentos. Velaí temos os mundos de Laxeiro, mundos e trasmundos.