Problemas

FRANCISCO J. PÉREZ

LUGO

OPINIÓN | O |

12 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

NON PODEMOS entrar, como parece que queren algúns, en enfrontamentos cos gandeiros, que bastante teñen co que se lles ven enriba nos próximos anos, nin obviar a realidade da tradición da caza tal e como é no noso país; os cazadores galegos non somos a meirande parte propietarios, nin arrendatarios, nin concibimos a caza coma un negocio. Eiquí non hai monterías, senón batidas e ganchos, nunca houbo tradición de gardería, como nos grandes latifundios do resto do Estado e, por suposto, eiquí tampouco hai cercas nin «cercos» para engordar os animais salvaxes, que non son de couto, hoxe están eiquí e mañá vai ti saber onde, O noso couto investiu coma o que máis en preparar os terreos, facer sinalizacións, cumprir as leis, pagar relixiosamente taxas, seguros, danos...Pero non temos aínda capacidade para dirixir ós xabaríns cara a un sitio ou outro e se as políticas agroforestais da Xunta, do Goberno ou da UE favorecen a proliferación da caza maior, nós non somos, directamente os culpables; se non chegamos a cazar, os danos multiplicaríanse e chegaríase a unha situación que de non tomarse medidas será preocupante ou irreversible cara ós cazadores de Galicia. A prevención que se nos pide e a que tiveron as autoridades cando se lles ocorreu a idea da nova xestión da caza no noso país, que lles permite pagar por un exemplar de cabra hispánica decenas de miles de euros (e din que non hai cartos) para asumir os custos dos danos dos xabaríns; séntense, recapaciten, escoiten ós impricados e tomen solucións, pero non nos tomen por parvos nin por chivos expiatorios ós que cumprimos coas normas que vostedes ditan. Se houbese caza menor, a maioría dos cazadores non se dedicaría á maior, pero a situación vennos dada, non buscada. Se a Lei de Caza estivese ben feita, consensuada con tódalas partes, «con sentidiño», hoxe non teríamos istes problemas. Na man dos responsables que ¿nos gobernan? está a solución, non na dos administrados que, ata o de agora, estamos exclusivamente para pagar, con dereito ó patalexo.