Vaise aclarando

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

03 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

DEBERÁ chegar o día ese. O momento no que a confianza sexa mutua, entre as autonomías e un Estado plural que as acolle a todas respectando a súas culturas. É dicir, a España do século XXI integrada en Europa. Os nacionalismos -e os non nacionalistas- non deberan erguerse coa primeira raia do día para tirar pedras contra do tellado que nos abriga. Mariano Rajoy, moi atinado no debate que levou ao Congreso dos Deputados o Plan Ibarretxe, definiuno ben ao dicir que isto «no es una lonja ni una casa de subastas». Efectivamente. Cada un dos que interviñeron agarrouse ao piar que mellor suxeita o seu pensamento. Lóxico. Pero o presidente dos vascos falou do seu plan dende unha legalidade inexistente que o permita, como repetiu non pouco o líder da oposición. Ademais, presentouno riba dun piso que era de barro porque embaixo non estaba máis ca unha parte da sociedade vasca. O futuro vasco terá moito que ver co que decidan os vascos, si, como alegou o lehendakari Ibarretxe; pero sempre e cando decidan non só uns poucos, senón todos eles. Como tamén dixo o presidente de tódolos españois, Zapatero, «si vivimos juntos, juntos debemos decidir».