DESDE O ADARVE
27 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.NON TODO o mundo pode dicir que a volta ao traballo tras as pequenas vacacións do nadal foi pracenteira, xa que ademais de ter que facer fronte a unha dura xornada laboral, moitos tiveron que armarse de paciencia para poder chegar aos seus lugares de destino por mor da neve, do xeo e mesmo do vento. Aínda que Lugo non foi das provincias máis afectadas, houbo lugares nos que o pasaron realmente mal. Fose como fose, seguro que a ninguén lle gustaría verse na pel dos centos de familias, moitas delas con nenos, que tiveron que pasar ata dez horas tiradas nas estradas, sen poder encontrar establecementos abertos nos que poder mercar comida, aterecidos de frío e sen recibir información dos axentes de tráfico, da Garda Civil, ou dos responsables de que os quitaneves funcionen con normalidade. Son esas arriscadas familias as que unha vez máis terán que oír aquilo de «falta de previsión».