Estertores do entendemento

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

27 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

ATA MIN chegou Los topos , un libro publicado no 77, escrito por J. Torbado e Manuel Leguineche. O libro está ateigado de casos que falan por si sós. Homes e mulleres perseguidos despois da guerra. Xente que tivo que vivir incluso emparedada na súa propia casa para evitar á Garda Civil ou á maldade dalgún veciño. O libro comeza cunha cita de Gabriel Jackson, 1965: «Algún día, con un cambio de régimen, el mundo se enterará abiertamente de los crímenes que hoy sólo pueden ser deducidos...». Sempre ocorre así. Aínda no prólogo, o texto di: «El día 18 de julio de 1936 los españoles comenzaron a degollarse mutuamente». (Por algo Camiño Real sempre será mellor que 18 de Xullo). Arredor dunha data coma esa xira sempre un fracaso: o do básico entendemento que debe darse nunha sociedade que se quere en paz. As arriscadas e desmesuradas pretensións duns, o vil levantamento doutros, acabaron cun proxecto democrático que malia ter fallos, era mellor cá ningunha guerra e unha ditadura de corenta anos. Pero a desgraza chegou e das súas consecuencias falan as fosas agochadas. E Montecubeiro. Lembrando o que escribe Isaías Lafuente en Esclavos por la patria : «La guerra civil española no acabó el 1 de abril de 1939». Deseguido di que «case mil días de duros combates dejaron un país devastado». No material e no moral, engade. Con máis de medio millón de mortos e case trescentos mil presos. A maioría usados como mao de obra barata nas obras do réxime. Por non falar do millón de exiliados, dos fusilados, etc. Iso xa é pasado: Historia. Pero cómpre que deses erros aprendamos e non estraguémo-lo futuro. Dependerá da xenerosidade de todos.