NO OUTEIRO | O |
12 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.MAGNÍFICO, marabilloso, sorprendente... Son adxectivos usados para cualificar ós ilusionistas. Porque a maxia non deixa de ser unha ilusión. Inda que realizar un truco esixe ser moi hábil e ter destreza dabondo. Calquera pode caer ante as artes dun bo mago, pequenos e grandes. Como xa coñecen, a capital lucense anda nestes días metida en trucos. Trucos que nada teñen que ver coa política nin coa contabilidade fiscal. Que me perdoen os magos, pero víñame que nin pintado. En fin, a maxia atrae e «mola» a case todo o mundo que lle bote algo de ganas. A non ser coma un que non é capaz de ver ningunha «peli» de efectos especiais porque di que todo é mentira. Pois claro, pero trátase de que nos ilusionen. E tamén convenzan, naturalmente. Tamén que nos enganen un pouco. Anque se facemos caso ó título que leva por diante Anthony Blake nin sequera. Xa ben advirte que todo vai ser produto da nosa imaxinación. Manda truco! Hai pouco vía no mesón do Forno (un niño de magos), probando un prato árabe, como Suso trampeaba a un cativo con xogos de cartas. O pequeno quedábaselle mirando sen dicir ren. Pero a familia aplaudía a rabiar. Viva a maxia.