Unha homenaxe de xustiza

ANTONIO OLIVEROS YANES

LUGO

LEMBRANZAS | O |

06 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

COMO ALUMNO que eu fun durante sete anos, dende os once ata os dezaoito, e como concelleiro da corporación municipal de Trabada nos anos 1979-1983, quero aportar a miña modesta opinión sobre a figura de Don Celso. A importancia na miña vida de Don Celso foi determinante, non esquenceréi nunca a mañá do mes de outubro na cal, sendo eu un cativo, meu pai levóume de Valvoa a Trabada, e alí no colexio, deixoume na última mesa ó carón de aquel señor alto e serio. Creo que foi a primeira vez que entendín o que era unha autoridade. Co tempo me decatei de que esa autoridade tiña poder... Dos once ós dezaoito anos, como dixen, foi prácticamente o único mestre que tiven. Os seus coñecementos e as clases que impartía de día e de noite foron os que forxaron a miña formación, e en parte, a miña forma de ser. Despois de anos e como soe suceder na vida, tratamos de diferenciar as persoas en bandos: altos e baixos, negros ou brancos, bos ou malos; pero a miña particular diferenciación das persoas é a de aquelas que te ensinan (que son moi poucas) e as que non ensinan (que son os máis); dende logo Don Celso era dos que si ensinaban. Gran lector El lía máis libros que todos os que formamos o municipio, do que procede a súa rigurosa biblioteca, e coñecía dela todos os seus libros e todas as páxinas, e non estaba alí só para amorear pó. No ano 1979, prodúcese un feito que cambia a nosa traxectoria: nese ano son as primeiras eleccións municipais democrátcas, e eu participei en compañía doutro grupo de persoas encabezado por unha gran persoa que era Mª Carmen Cigarrán, na candidatura socialista, feito éste que a Don Celso e máis a min nos apartou definitivamente, en parte debido a unha serie de incomprensións, chismes, etc., que creo con sinceridade que non tiñan nada que ver coa valía do mestre, e modestamente co meu xeito de ver as cousas, dado que persoalmente penso que tiñamos máis cousas en común que as que nos separaban. Unha das miñas frustracións personais foi que non puiden volver a conectar co mestre; non para cambiar de opinión política nin para pedirlle ningún favor, senón aínda que resulte egoísta, para explotarlle máis o seu saber, o seu coñecemento, porque creo que era o máis importante que el podía dar, ademáis, creo que era un patrimonio que lle gustaba transmitir á xente que estaba ó seu carón. A derradeira vez que vin a Don Celso foi nunha entrevista en Localia Telelugo, co periodista Paco Ribera, na cal quedei impresionado da súa lucidez; lémbrome que cando lle preguntaron por Trabada, dixo que todo mellorara moito: as estradas, concentracións, etc.; pero percibía un déficit cultural. Sen dúbida daba co dedo na chaga: sabía perfectamente que un progreso sen cultura carecía de sentido. Con respecto á homenaxe do 6 de novembro, creo que é só unha pequena demostración hacia a persoa de Don Celso, entendo que se lle debera facer en vida e que non houbera ningúen con sentido que se opuxera. No pasado verán, falando co señor Saavedra da Villapena, tivemos unha conversa sobre esto e sobre o esquencemento da figura de Don Celso porque non o viamos lóxico xa que a súa categoría está moi por enriba de ideoloxías políticas. Felicito por último, á súa familia e en especial a Dona Gloria, ós seus fillos, e particularmente á súa filla e compañeira Gloria. É de xustiza.