NO OUTEIRO | O |
16 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.CELEBRÁBASE unha homenaxe a Manuel María, o poeta. Unha vintena de colegas, todos coa musa ás costas, lemos poemas da sementeira que deixou escrita o poeta da Terra Chá. Houbo lecturas dabondo emotivas, como foron, entre outros, as de Xohán Cabana e Paco Martín. Moi relacionados ambos co falecido e ós que pouco lles faltou para fundir bágoas con versos. De feito, algúns deses cantos poéticos xa eran bágoas adiantadas ao tempo polo propio poeta. Foi o caso do poema que Manuel María dedicou a Pimentel e que lía un moi sentido Xohán Cabana. A vida é quen nos leva a irnos lendo uns aos outros. A mesma que fai mesturar as cousas. Así, naquelas, ó meu carón unha señora de idade quería saber se estaban alí os irmáns do homenaxeado. Pero mellor ca iso inda foi a intervención doutra señora. Camilo Gómez acababa de convidar aos presentes para que participaran cando de súpeto ergueuse ela e dixo: «Eu non son poeta nin nada, só unha ama de casa que trala morte de Manuel María aprendín un poema, e quería...». Subiu ao estrado, sen libros, e fíxoo mellor que calquera de nós. En realidade, era Manuel María quen agochadiño subiu canda ela.