NO OUTEIRO | O |
24 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.SÓ ALGUÉN como Amenábar podía tratar así un tema tan delicado coma este. Porque fálase sobre todo de liberdade e da libre decisión de cada un. Inda que hai riscos de que non sempre sexa así. En todo caso, grazas, tamén, á magnífica interpretación que fai Bardem temos unha película que chega, chega moi dentro. Xa non digamos ren de cando a personaxe e mailos da casa empregan o galego arrastrando aos espectadores cara ao fondo dunha historia ambientada na Galicia da comarca do Barbanza. Máis ou menos fiel ao que quixo amosar o verdadeiro Sampedro, o director constrúe unha historia que, por se tiveran dúbidas, vai alén do vaso ese que algúns verán medio cheo e outros baleiro. Refírome, claro, ao sempre controvertido tema da eutanasia. Pero Amenábar firma aquí unha cinta chea de vida que dá lugar a momentos emotivos mesturados con outros onde é obrigado rir, porque retranca hai dabondo. Teñen papel o Ramón soñador, o mar e incluso o berro das vacas. E non falta espazo para a reflexión que debe facer cada espectador. Neste caso talvez logo daqueles versos del: «...pero me despierto siempre, y siempre quiero estar muerto».