Manuel María

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

TRIBUNA | O |

13 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

«Os días de Setembro xa mediaron», escribía Manuel María na "Terra Chá". Canda a apaña das patacas, como el dicía, chegoulle a hora a Manuel María. Queda eiquí, en nós, a súa obra, a palabra fixada; para falar en paga del e mirar trala súa mirada. Cando lle preguntaron, na Radio Galega, qué títulos salientaría, el respondeu que «máis que títulos serían poemas ou versos». Pero comezou nomeando á "Terra Chá", "Poemas da labarada estremecida" e á "A Luz ressuscitada". Manuel María traballou arreo coma aquel arado seu que «nunca está cansado»; abriu a terra coma aquel verso seu, sen procurar ferila. Era, sobor de todo, un home bo, din os seus amigos. «Andando lentamente.../gastando a vida pouco a pouco» (Poemas da Labarada) marchou deixándonos no desacougo. Poida que para «percorrer o mundo.../para olhar todo o que existe», como n'A luz ressuscitada. Se acaso «De feridas de amor eu vou ferido», coma escribiu en Poemas da labarada estremecida. «¡Quedan os agros tristeiros», «o vento que vén do mar» (Terra Chá); queda a Galicia sen Manuel, mais quedan os seus versos, «sempre a rosas. Sempre...» (A luz ressuscitada) para nos acariña.