TRIBUNA | O |
09 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.ROZABA a maleza aló na casa do meu avó cando pasou ela. Viña de poñer as fabas ao sol. «Deseguido vou mallar outras que deixei na aira», engadiu. Pois vai, vai, díxenlle, que eu mentres vou a ver se remato con isto. «Pero tes un fouciño moi pequeno», alegou. Si, pero é o único que me collía na mochila, canda o bocadillo, sinalei. Xa sabía eu que alguén mo había dicir. Ao pouco pasaría outro, tamén mofándose, de boas, claro: «Pero home..., ¿non terías algo meirande?; así has de acabar rebentado». Expliqueille a razón e deseguido dixo: «Pois logo vai pouco a pouco». Marchou polas vacas aló tras do castro e aínda tardaría en baixar. Entrementres pasaron outros, igual coa mesma leria. O can nin me mirou xa que ía máis pendente de afalar as vacas. Deste xeito evolucionaba un día nunha calquera das aldeas de Galicia. No alto pasaba un avión e na radio daban as novas: En Iraq continúan os ataques entre a resistencia e os soldados; en Sudán segue o xenocidio; os avións rusos foron vítima dun atentado; Fraga volverá a presentarse, con 83 anos... Volvín ao meu cavilando en que non hai mellor ca non andar por elas para non ortigarse.