DESDE EL ADARVE
10 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.O FASCINANTE tamén pode ser útil. Poucos inventos contemporáneos suscitaron tantos entusiasmos coma o tren, que en dous séculos semella ter respondido ás expectativas: lembremos os escritos que o identificaban co progreso, as páxinas e as imaxes que reflectiron o seu ambiente e as posibilidades que leva dado ao transporte de mercadorías. Sen embargo, non todos teñen a mesma sorte. Lugo non dispón de conexión por tren con Santiago nin coa Mariña, por onde pasa un camiño de ferro que vale como decoración pintoresca e case nada máis, e poucas voces se teñen escoitado sobre as vantaxes do AVE do Cantábrico ou dun transporte simplemente adaptado ao século XXI. Pero se o tren que ía pola beira do Miño serviu para que o pop cantado en galego fose un éxito, ¿non había pasar o mesmo cos que circulasen pola chaira ou xunto ao Masma?