TRIBUNA | O |
05 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.COMECEMOS polo final. González Tosar, o presidente do Pen Club de Galicia, que patrocinou o encontro entre poetas da Occitania e da Galicia, rematou o acto dicindo: «Amigos meus, somos voces que terman deste mundo». O lugar onde foi pronunciado era no salón de actos da Deputación Provincial. Alí, un occitano, de apelido Casanova, antes de recitar advertiu que ía falar «na lingua dos seus avós mortos». E foi certamente emocionante escoitar en occitano palabras tan nosas como «Lévote», «camiño», «camiñante», etc. O occitano é unha lingua en clara regresión diante do contumaz centralismo francés. Sen ter en conta que nesa lingua hai textos que datan xa do século XI. Mesmo a súa poesía tivo grande influencia. O seu espazo físico sitúase ao sur do que constitúe hoxe o estado francés, inda que as súas influencias achéganse ata outros territorios. No mesmo acto participaron tamén poetas galegos. Entre outros, recitou Xohán Cabana co occitano Jean Claude Forêt, Bernardino Graña, Xavier Frías e Rábade Paredes. En resumo, que convén telo en conta pois con cada lingua que se perde estrágase un camiño do mapa xenético do noso pasado.