TRIBUNA | O |
10 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.O 17 celébrase o Día das Letras Galegas. Esta iniciativa dun grupo de intelectuais galegos, agrupados daquela á volta da Editorial Galaxia, celebra o aniversario da primeira publicación en galego dos Cantares Galegos, de Rosalía de Castro. Esta publicación anunciaba a ruptura dunha tendencia secular. O galego, como lingua, se ben falado pola maioría da poboación, tiña un espacio de uso limitado á transmisión oral, e recluído, socialmente ao ámbito rural. Coas publicacións de Rosalía o noso idioma iniciaba o seu voo e pasaba a ser considerado como lingua culta, apto para expresar os mais complexos sentimentos e pensamentos do ser humano. Recuperaba o ámbito de usos que tivera noutrora, cando fora lingua de reis e xograres. Hoxe o Galego é lingua útil e utilizada en todos os ámbitos da vida social e cultura. No ensino ten librado unha batalla longa, dura e testan, en que moitos ensinantes, empeñados en darlle recoñecemento de lingua de normal uso foron construíndo e reconstruíndo un espacio de uso para esta expresión tan querida para todos nos da nosa cultura. A lingua dános identidade e defínenos como pobo. Coas nosas glorias e as nosas miserias. Aínda neste momento, na Galiza hai xente que di que non sinte a necesidade de falar galego, ou que non comprende a importancia e transcendencia que o uso do noso idioma pode ter. Castelao dicía aquelo de que «é que esa necesidade non se sinte no bandullo». A lingua non é a penas un conxunto de palabras peculiares a seguir após as outras: é o resultado da expresión dunha cultura, a nosa cultura. É a nosa maneira de estar neste mundo.