TRIBUNA | O |
03 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.NINGÚN partido ten doado sacar adiante o seu proxecto político. Levalo ata as últimas consecuencias acostuma a pasar factura. Acabámolo de ver. Na oposición cúmprese cun papel, pero cando se gañan as eleccións hai que gobernar. ¿Que ocorre? Que aparecen as presións dos intereses económicos, xorden as adversidades políticas, hai que cumprir cos tratados internacionais e someterse ós organismos supranacionais. Algúns destes órganos de decisión son: o Fondo Monetario Internacional, a UE, OTAN, a Reserva Federal dos EE UU, a OPEP, etc. A ninguén se lle escapa que existen eses condicionamentos. Igual, que hai decisións que non toma unha soa Administración pero que, pola contra, afectan ó mesmo tempo a cidadáns con culturas e vicisitudes sociais e políticas distintas. Logo, ¿de canta manobrabilidade dispón un Executivo? Da que resta descontando iso e da que pode ir rabuñando. ¿Como? Sabendo moverse, xerando e xestionando ben os recursos. Fronte a esa arañeira, en calquera caso, os gobernos deberán manterse nos compromisos adquiridos coa cidadanía. Porque, e isto si é concluínte, os cidadáns xulgarán e votarán ó cabo dos catro anos.