Vivir a primavera

| XOSÉ MARÍA PALACIOS |

LUGO

DESDE EL ADARVE

20 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

CONTA Álvaro Cunqueiro que Eduardo Lence-Santar, que foi cronista oficial de Mondoñedo durante máis de corenta anos no século pasado, adoitaba informar de noticias como a chegada da primavera: as flores que asomaban nos xardíns da cidade ou as primeiras ervellas que se vendían no mercado eran síntomas da nova estación. Agora, cos invernadoiros e cos conxelados, comemos en calquera momento o que antes era exclusivo dalgúns meses, así que o único sinal visible das distintas estacións son os escaparates das tendas. Pero aínda así un cre que tirar proveito da primavera é un consello moi recomendable nestes días: dar un paseo á beira do Miño, por exemplo, debe de ser un tonificante moi bo para unha sociedade que acumulou moita tensión nas últimas semanas. Pensemos un pouco nas troitas e respiremos con tranquilidade.