«Para Galicia sería unha lotería que o BNG tivese poder de decisión»

Benigno Lázare LUGO

LUGO

Entrevista | Antón Bao Abelleira Concelleiro no seu municipio, Becerreá, aspira a ser elixido deputado pero tampouco consideraría un fracaso manter os resultados de hai catro anos

20 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

Antón Bao Abelleira naceu en Lugo circunstancialmente hai 39 anos, pero séntese de Cruzul, lugar que considera marabilloso, sobre todo dende que a carretera N-VI xa non pasa ó pé das casas e os coches non zumban a ningunha das 24 horas do día. É profesor de lingua e literatura, asentado dende 1993 no instituto de Becerreá. Agora o BNG confiou nel para encabezar a candidatura pola provincia de Lugo, algo que considera de moita responsabilidade. -Nas anteriores eleccións xerais o Bloque quedou a 3.000 votos de conseguir un deputado. ¿Eso mételle presión a vostede? -Eu prefiro chamarlle responsabilidade, aínda que a tería igual se tivese quedado máis lonxe. Para min xa é unha gran responsabilide que o Bloque confíe en min para encabezar a lista. -Tendo en conta que o obxectivo é acadar representación, ¿igualar os votos de hai catro anos será un mal resultado ou non? -Os resultados son bos ou malos dependendo de cada situación, e as circunstancias políticas de agora non son as mesmas de hai catro anos, nin en Galicia nin no conxunto do Estado. Non creo que sexa un fracaso acadar os mesmos resultados; seríao non conseguir transmitirlle á xente a importancia de que Galicia teña voz propia en Madrid. -Hai catro anos o BNG saía dunhas eleccións municipais nas que obtivo un bo balance; agora acaba de saír doutras con peores resultados. ¿Terán repercusións? -Non creo que sexan extrapolables. Cada proceso electoral ten as súas compoñentes propias e os obxectivos son distintos, aínda que na base sexan semellantes. Ademais, na provincia de Lugo os resultados das municipais tampouco foron tan malos, porque, se ben houbo algún caso chamativo como o da capital, tamén se conseguiu a alcaldía de Monforte e participar no goberno dos concellos de Viveiro e Ribadeo, ademais de bastantes concelleiros. -Rodríguez Ibarra xa dixo as desvantaxes da presencia do nacionalismo no Congreso. ¿Cales son as vantaxes? -O presidente de Estremadura ten a súa opinión e eu non a comparto. A presencia do nacionalismo galego é, fundamentalmente, para defender os intereses de Galicia, e si é necesario, para contribuír ó goberno do Estado. Estou de acordo con el en que para Galicia sería unha lotería que o BNG tivese grupo parlamentario e posibilidade de decisión.