Médico e galeguista ideolóxico, afirma que afrontará a campaña coa moral que dá a posibilidade de que Galicia se faga escoitar en Madrid, desde onde o nacionalismo non é ben visto
20 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.Bernardino Pardo Teijeiro é consciente das poucas posibilides que ten de ocupar un escano no Senado indo na lista do Bloque Nacionalista Galego pola provincia de Lugo, pero considera que o importante é que Galicia teña voz en Madrid e poder contribuír a cambiar todo o que resulte incorrecto politicamente. É médico no centro sanitario de Vilalba e xa está bautizado electoralmente, porque figurou na candidatura nacionalista ó Concello vilalbés o ano pasado. -¿Que é o perentorio para Lugo e que se pode solucionar dende Madrid? -É ter voz propia en Madrid para poder saír ó paso das situacións que poden afectar negativamente ós galegos, e os lucenses en particular, e apoiar as que a sociedade sinta como propias. -Tendo en conta que non será fácil que resulte elixido, ¿con que moral afronta a campaña electoral? -A dificultade claro que é alta, pero polo menos Antón Bao ten moitas posibilidades, e se somos máis, mellor. A campaña afrontareina coa moral que dá a posibilidade de cambiar o que politicamente non é correcto. -¿Ten en conta o pago dado polos capitalinos ó Bloque nas municipais? -Paréceme que foi un pago que non se correspondeu co traballo feito. Fíxose un labor moi grande, como o saneamento das contas do Concello e coido que se traballou moito en áreas como servicios sociais, transportes ou xardins, que dependían do BNG. Traballouse cunha lealdade total, actitude que tamén mantivo a outra parte. Pero a xente pechou filas en torno ó alcalde por medo a que perdese a alcaldía, cousa que se sabía que non ía a ocorrer, aínda que as enquisas non foron suficientemente explícitas, cando había datos dunha posible maioría absoluta. -¿Corren bos tempos para o nacionalismo? -Evidentemente, hai unha carga dende o Goberno e dende os sectores que aínda pensan que España segue a ser unha «unidad de destino en lo universal». Demonizar algo é malo, porque leva a adoptar posicións estremas. -¿Con que corrente nacionalista se identifica? -Son afín ó BNG. Son galeguista por sentimento.