TRIBUNA | O |
03 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.UN NÚMERO pode dicir ben pouco. Anque pretende dicilo todo. Dezaoito dos vintesete anos que Nelson Mandela estivo no cárcere só foi un número. Ese. Así o declaraba á revista El Semanal. Por iso detrás desa cifra quere que se encamiñe unha campaña, unha máis, contra a enfermidade que está matando con total impunidade no mundo enteiro. Anque especialmente nos países máis pobres, claro. Nos seus comezos (anos oitenta) os enfermos da sida sufriron todo tipo de cualificativos. Foron estigmatizados e sobre eles caeu a patada do desprezo. Tiveron incluso que explicar por qué e cómo contraeran a enfermidade. Logo dos anos, as investigacións, a empírica e o factor «humano» reconduciu esa tolería. Iso aquí. En África 7000 persoas morren ó día víctimas da sida. No mundo, calcúlase que xa faleceron vinteseis millóns de persoas. Outras corenta e cinco padecen esta enfermidade vírica contaxiosa que sabe facerse invisible ó principio. Convén sabelo para tratar de previla a tempo. ¿Como? A través da educación sexual maila concienciación. Tamén premendo para que os gobernos aporten maiores recursos económicos. Queda moito por facer e moito por investigar.