¿Fixemos ben os deberes?

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

TRIBUNA | O |

13 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A PARTIR de 2006 Galicia verá recortadas as axudas que recibe dende aquela pelexa que mantiveran Felipe González e a Dama de Ferro. Dalgún xeito había que compensar o duro golpe que sufriran determinados sectores e incluso territorios coma o noso trala entrada de España na entón CE; tras anos de negociacións, eso si. A que agora se nos vén enriba non vai ser doada. A propósito, ¿non había ser normal que nela participara unha delegación galega que defendera mellor o noso? No horizonte máis inmediato a UE contará cos dez novos estados que xa firmaron o protocolo de adhesión. Antes dun ano seremos vintecinco. Tempo de todo insuficiente para compensar o que aínda temos en cueiros. Dito doutro xeito: ¿En que se gastaron os fondos que viñan destinados a desenvolver provincias como a de Lugo e Ourense? Porque non quero pensar, nin tan sequera imaxinar, que esteamos a ser nosoutros a cabeza de turco. É dicir, o chibo expiatorio para que dende Bruxelas se sigan mandando fondos cara acó. Axudas que logo se distribúen como se distribúen. ¡Demasiado maquiavélico! Pero o certo é que Bruxelas tamén se está a preguntar como é que despois de levar anos destinando fondos para Galicia, esta, no seu conxunto, aínda non supere o 65% do PIB da media europea. Visto así, non me estraña que países como Alemaña ou Gran Bretaña estean por reducir o gasto en cohesionar territorios. Amais deso, en breve haberá economías -nin sequera todas- máis deprimidas cá nosa. Polo tanto, susceptibles de necesitar e recibir máis axudas. ¿Está Galicia preparada para iso? redac.lugo@lavoz.es