Cine á vista

| X. CARREIRA |

LUGO

DESDE O ADARVE

12 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

CON SÓ botar unha ollada á carteleira cinematográfica desta fin de semana é posible saber que os cinéfilos desta cidade pasan unha fame negra. É imposible ver algo decente e descúlpenme todos aqueles ós que lles gusten as produccións que se instalaron nas pantallas luguesas como se fosen o anticiclón das Azores. Achégase a semana que organiza o grupo Fonmiñá e que este ano cumpre vintecinco. Trátase do único referente anual que temos na cidade para ver algo interesante. Curiosamente, o apoio que dispensan dende a Xunta a este acontecemento cinematográfico nada ten que ver co que, por exemplo, ofrecen a Ourense. Con todo iso, non é estraño que un cuarto de século despois de comezar as proxeccións de Fonmiñá aínda a cidade siga sen un auditorio digno onde ver con toda comodidade as películas.