TRIBUNA | O |
11 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.AS AFIRMACIÓNS do Sr. Acebes, ministro de Interior, de que non existe déficit policial, resultan insostibles e ofensivas, diante dunha realidade que se nos presenta «insoportable e caótica», en boca dos propios funcionarios. Os sindicatos policiais veñen denunciando a precariedade de medios coa que realizan a súa actividade e tamén a sobrecarga de traballo nas comisarías galegas, moito máis en época estival, con maior afluencia de visitantes e turistas. Isto lévaos a reclamar máis efectivos. Estiman nun 30% o aumento necesario e advirten de que o crecemento da delincuencia e o gamberrismo está relacionado coa falta de axentes. ¿Será coñecedor o ministro, das fins de semana nas que só circula pola cidade un coche patrulla cun único axente; ou cando en Viveiro ou en Monforte teñen que pechar a comisaría para atender unha urxencia nocturna? En Lugo, nestes días, axentes armados teñen que realizar funcións burocráticas nas dependencias do DNI ou en estranxeiría, por falta de persoal administrativo. É verdade que provincias como a de Lugo, non son inseguras -estamos por debaixo da media española-, pero tamén é certo que, nos últimos anos, aumentaron as infraccións delictivas e a preocupación da cidadanía. Entre o 2001 e o 2002, os índices de criminalidade rural e urbana aumentaron nun 12,3 por cento. ¿Quen se fará responsable do deterioro na seguridade cidadá, o día que, por desgracia, ocorra algo irreparable e achacable á insuficiencia de medios policiais? O Goberno de Aznar ten que poñer os medios humanos e materiais para solucionar a ausencia de seguridade nas rúas pola falta de efectivos policiais e poñer fin á sensación de inseguridade que viven os cidadáns.