TRIBUNA | O |
09 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.CADA VEZ que se di que a vivenda en Lugo está entre as máis baratas de España falta algo por engadir. Habería que explicar tamén que os salarios dos lucenses son dos máis baixos. Incluso teríamos que especificar que as pensións que se cobran aquí son das máis baixiñas do país. Iso sen esquecer que as perspectivas do noso futuro non teñen nada que ver coas que teñen outras zonas como Cataluña, o Levante ou Madrid. De seguir subindo o prezo da vivenda, a este paso non haberá quen poida mercala. Non é que o diga eu só, senón que ata os propios causantes desta situación advirten xa do perigo de que o grande negocio da construcción se paralice. Estase a especular tanto cunha cousa considerada de primeira necesidade que é como si de súpeto o pan ou a auga subiran ata prezos inalcanzables. ¿Que ocorrería? Que sería un desastre. De momento as hipotecas están xogando coa enorme vantaxe dun tipo de interese moi baixo. Pero a expectativa non é esa; acabarán subindo. Será entón cando comprobemos a miseria deste tempo de especulación. O endebedamento será tal que moitos non serán capaces de soportar a presión das letras. ¿Perderán a casa?