O indulto do fraile capuchino Antonio Puigjané foi ben recibido por Amnistía Internacional de Lugo, colectivo que traballa no caso desde hai once anos
24 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.O indulto do fraile capuchino Antonio Puigjané cerra para Amnistía Internacional unha loita que durou máis dunha década. O seu responsable en Lugo, Carlos Fernández, recoñece o apoio que recibiron das administracións e do público en xeral para levar adiante este caso que cerra un capítulo que comezou coa acusación de Puigjané por coñecer un ataque a unha base militar en Arxentina en 1989. -Estou realmente contento por pensar que se puxo fin a unha inxustiza que se debería evitar e que xa non tiña que durar estes catorce anos. Antonio Puigjané pasou dez anos en prisión e catro anos en arresto domiciliario. Ese tempo ninguén llo vai devolver. -¿Cando comezou Amnistía a levar o caso? -En Lugo empezamos en 1992 e levamos todo este tempo traballando. Primeiro tivemos que dar a coñecer o caso á xente. Máis tarde actuariamos doutra forma. Levamos o asunto ó Concello de Lugo, onde por tres veces foi aprobado no pleno por unanimidade. Tamén o bispo de Lugo asinou un chamamento a favor da liberdade de Puigjané. O seguinte paso foi levalo a case vinte concellos da provincia e participar en manifestacións. Ata un diputado por Lugo levou o caso ás Cortes. -¿En que traballa actualmente Amnistía? -Estamos inmersos en moitas campañas: reclamamos o respecto dos dereitos humanos en Rusia, estamos seguindo o que pasa en Iraq e, de maneira específica, un caso de desaparecidos do Sáhara. Faltan desde o ano 1975.