Cacería de lobos

DANIEL LÓPEZ VISPO

LUGO

TRIBUNA | O |

19 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O LOBO é unha das últimas xoias supervivintes da nosa fauna, unha vez extinguido o oso, que esta sendo exterminada en plena época de cría coa autorización da Consellería de Medio Ambiente. Nesta fin de semana, en Baleira e en Baralla, a través dos seus respectivos TECORES, levouse a cabo unha nova cacería nesta época de cría onde a mesma lei fai fincapé da importancia de non levar a cabo ningunha acción deste tipo. Súmase esta cacería a outras que xa se levaron a cabo neste e en anos anteriores nesta mesma época en concellos de Abadín, Guitiriz, Friol, Vilalba, Muras... Dende Adega vimos de formular denuncia ante diferentes organismos a través dun escrito onde se mostra a nosa oposición a unha política que persegue o exterminio en plena época de cría desta especie. Dase ademais autorización a esta cacería atendendo a uns danos que consideramos moi puntuais e que para nada poden servir de xustificación para esta nova vulneración da lei. A xente soe confundir o aumento do número de lobos co dos ataques ó gando. Nos últimos anos a poboación de lobo non aumentou, o feito que poidamos ver o lobo en zonas onde hai décadas non se notaba a súa presencia non é en absoluto unha proba do aumento do número destes animais, senón síntoma da degradación dos territorios habituais (parques eólicos, repoboacións). É un dos animais que amosa unha maior dificultade para a supervivencia. Nos últimos anos houbo dous feitos que afectaron relevantemente á alimentación do lobo: A clausura dos vertedoiros incontrolados municipais e a prohibición do abandono de gando morto no monte dende a crise das vacas tolas. Non esquezamos que o lobo esta no cumio da pirámide ecolóxica, controlando tódolos pisos inferiores.