?a sala de exposicións do hotel Méndez Núñez xuntáronse os candidatos (todos de sport, menos un traxeado Marcos Cela) cos militantes e cargos do partido ou parlamentarios como Alberte Xullo Rodríguez e Emilio López. Á presentación tamén acudiu o presidente dos constructores lugueses, Hipólito Trinidad, ou o presidente do Prone, Ovidio Pérez. No discurso de Branca Rodríguez tivo especial relevancia a intención de transformar o recinto da feria exposición nunha Cidade do Deporte, achegando así a cidade ó río Miño. O Museo da Romanización ou a creación de varias salas espalladas polo casco histórico para facer exposicións e actos culturais, serían o Museo da Cidade. A candidata á alcaldía prometeu habilitar unha liña de axudas para dedicar o 50% dos cartos obtidos por aproveitamentos urbanísticos, ás excavacións arqueolóxicas. Para o BNG, o turismo debe ser un dos eixos de Lugo, potenciando o Camiño Primitivo e creando unha empresa municipal de turismo. Os centros sociais das Fontiñas e outros na Piringalla e Fonte dos Ranchos aparecen como dotacións necesarias. Pazos considera «penoso que sigamos sen cronista oficial da cidade» e apunta a un mandato cunha concepción transversal da política de tódalas concellerías para eliminar o feísmo e a especulación.