O candidato socialista á alcaldía anunciou a construcción de centros sociais e amosouse disposto a dotar de servicios ó casco histórico da cidade, pero tamén ó resto dos barrios
30 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.«Sempre estiven cos veciños, sei recibir os seus parabéns e tamén os seus tiróns de orellas» «Son un veciño máis cunha responsabilidade asumida con gusto e ilusión, pero que teño que aprender a escoitar» «Tódalas cidades desenvolvidas de España son as que consensuaron un plan estratéxico» «A Muralla foi declarada Patrimonio da Humanidade polo traballo común de tódolos lucenses» O alcalde de Lugo e candidato á reelección polo PSdeG-PSOE, Xosé Clemente López Orozco, participou onte nos encontros dixitais de lavozdegalicia.es. O rexedor respondeu ás preguntas formuladas polos internautas. -¿Que parte de mérito na xestión hai que atribuírlle a cada un dos dous partidos que gobernan en coalición? -Indudablemente ós dous, pero hai que ter en conta que eu fun un director de orquestra que dirixiu con man templada (¿esquerda?) e tolerante a xestión dos asuntos da cidade. Traballouse moito e nada que fora de interese para a cidade quedou sen resolver. -¿Por que o PSOE fai fichaxes fóra do partido que, baixo o manto de independentes, son auténticos oportunistas que se colocan ó sol que máis quenta? -Agradezo que persoas, desde a súa independencia, se brinden a traballar con nós nun obxectivo común: mellorar as condicións de Lugo. Ninguén é imprescindible, pero si todos necesarios. Estamos abertos a todos e hai moita xente que pode e quere aportar o seu esforzo e traballo nun ideario social como o que representa a nosa candidatura. -¿Que opina do regulamento de participación cidadá? -Sen dúbida un paso importante que se deu no noso goberno. Chega o momento de profundizar na democracia e por iso hai que melloralo; poñendo a figura do Valedor do Cidadán ou coa implantación dun teléfono 010 que funcionará as 24 horas do día. -¿Ten algún proxecto de actividades interxeneracionais? -Sempre defendín que os centros sociais son lugares para todos: mozos e mozas, persoas de mediana idade e maiores. Somos os que formamos a sociedade e todos temos que aprender e ensinar uns dos outros. A experiencia é un grao e a mocidade ten unha forza e ilusión contaxiosa que se necesitan en Lugo. Por iso imos facer no próximo mandato dous centros sociais máis (Piringalla e Fontiñas) co fin de que existan máis lugares de encontro nos que se poidan desenvolver esas actividades, que xa se están dando por exemplo nas escolas recuperadas da zona rural. -¿Está no seu programa definida a vivenda pública con orzamentos concretos? -Efectivamente e por iso tamén se creou a Empresa Municipal do Solo. Promocionaremos esa vivenda pública en solo municipal ou poñendo solo a disposición do IGVS. Pero é necesario rehabilitar non só o centro, senón aqueles barrios que teñen a vivenda sen as comodidades que se esixen hoxe. -O seu partido «mollouse» un pouco máis no tema relacionado coa homosexualidade ¿teremos por fin os mesmos dereitos? -Fomos pioneiros, como non podía ser menos, nese mollarse . Unha sociedade é democrática cando se respectan os dereitos de todos, tamén as minorías. -¿Por que Lugo non conseguiu o plan Urban? -O 7 de xullo do 2001 o director xeral de Plans Europeos, que fora nomeado días antes, deixounos claro que o plan Urban ía ser para Ourense, como así foi. Por iso, acudimos ó mecanismo financieiro da Unión Europea cun proxecto para o casco histórico, a recuperación e a construcción dun parador, pero non se nos deu a subvención. Tras numerosas entrevistas co señor director xeral do IGVS conseguimos que financiara con 15 millóns de euros a compra e rehabilitación de vivendas na zona máisdeteriorada do casco histórico.