Dignidade

XOSÉ FERREIRO

LUGO

HABÍA nove anos que a CIG non camiñaba ao carón dos sindicatos estatais nun día tan sinalado como o Primeiro de Maio. Aínda que nada mudou e as diferencias ideolóxicas e estratéxicas seguen existindo, este ano concorremos conxuntamente á manifestación. Os acontecementos acaecidos ultimamente fixeron que a CIG decidira convocar conxuntamente co sindicalismo español a manifestación. O ataque contra a dignidade do noso país que representou a catástrofe do Prestige e a guerra colonialista e imperialista do Iraq son razóns que esixen unha resposta unánime da clase obreira no noso país. Aparte da guerra e as graves consecuencias que esta ten para a clase traballadora, tamén vai estar presente neste día tan sinalado a catástrofe do Prestige e a loita que Nunca Máis leva a cabo non só para que se depuren as responsabilidades políticas, senón tamén as económicas. A loita pola dignidade dun pobo que de xeito histórico ven sendo continuamente despreciado, esixe a implicación de todos. As reformas laborais, a LOU, a Lei de Calidade, a reforma sanitaria, as políticas fiscais, a saúde laboral e un longo etcétera sumanse ao exposto e fan que a CIG queira darlle unha oportunidade máis a toda a sociedade galega para que exprese o seu rexeitamento a estas políticas e celebre dun xeito unitario o Día Internacional da Clase Traballadora.