SUSO VARELA A ENTREVISTA Víctor Corral, escultor do que se presentou onte un libro-vídeo sobre a súa obra Víctor Corral ten unha filosofía moi clara da vida e do que debe se-lo oficio dun artista: «identificarse cun mesmo, ser feliz traballando e intentar facer arte para todos». O historiador e crítico José Luis Novo Cazón é o autor do libro que sobre a obra de Corral se presentou onte, e que edita Ophiusa en colaboración coa Consellería de Educación. O volume recolle as diferentes etapas dun artista peculiar e único.
09 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Aínda que Xermolos editou hai case dous anos un pequeno texto sobre a vida e a obra de Víctor Corral, o volume presentado onte supón o primeiro que recolle as características da arte do escultor e poeta lucense. No acto de presentación estivo o presidente do Parlamento de Galicia, José María García Leira. A producción de Novo Cazón e de Ophiusa é un libro e un vídeo que expón as diferentes etapas de la producción de Corral. -Cando repasa a súa obra, ¿arrepíntese dalgunha das súas escultura? -Sempre intento esquecer e procuro subir chanzos na escada. A última obra que fago sempre me parece a mellor, pero logo miro cara atrás e vexo que podería facelo mellor. Intento buscar a perfección, pero tendo en conta que por encima da arte e das novas tecnoloxías, están as persoas. -Ademais de artista, ¿vostede síntese un vendedor? -Cando un artista se vai fóra do seu ambiente, como cando expuxen por primeira vez en Barcelona, e vendes, daste conta que é porque hai xente que lle gusta a túa obra. Hoxe vexo que hai artistas moi respetables que fan historias que a xente non entende. Son dos que penso que a arte debe facerse para todos. -¿Cre que é herdeiro da tradición dos canteiros? -En certa medida si. Hai canteiros que se tivesen un pouco de escola, serían artistas enormes. Aínda así, son dos que creo que se nace coa gracia, hai que estar namorado daquelo que se ve. A min gústame a arte clásica, galega e con tons abstractos. Aquela arte que se identifica comigo, que me faga feliz e que poida cantar mentres traballo a pedra.