BENXAMÍN CASAL FORO PÚBLICO
22 oct 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Aquí pasou o que pasou dixo hai anos Iglesias Corral, no Parlamento de Galicia, para explicar o inexplicable. En Lugo nestas eleccións pasou o que non pasou, quer dicir, nada, ou case se dubida se houbo eleccións ou se deberían celebrarse cada dez ou vinte anos, para poder detectar algunha transformación. Dise que o permanente e inmutable é algo inherente ás dictaduras e o cambio, a alternancia e a novidade van unidos á democracia que permite mudar os gobernantes cada certo tempo. Xa que logo só a convocatoria electoral é xa unha novidade, pero o curioso é que deixou de selo en canto remataron estas eleccións galegas do 2001. Todo semella vello. Aínda máis, xa denantes da celebración das eleccións falábase insistentemente do dejá vu. En Lugo, sobre todo, estas eleccións caracterizáronse pola estabilidade. Non só todos os partidos volven a ter exactamente os mesmos deputados nesta provincia, senón que se imos á capital, o PP repite os 23.000 votos que tivera no 97 e unicamente hai un pequeno transvase dende o BNG ó PSOE. Os elementos que podían xerar cambios como o alcalde socialista da cidade de Lugo ou as disensións internas do PP inducen mutacións imperceptibles que forman parte do anecdotario local - o transvase xa dito, interpretado a escala Pazo de Ombreiro, ou as dúas festas de celebración do PP - pero que non cristalizan en consecuencias políticas tanxibles. O símbolo desta cidade é, sen dúbida, a Muralla, monumento moi importante, agora Patrimonio da Humanidade e sempre moi querida polos lugueses. Está aí dende hai vinte séculos, e aí segue imperturbable na súa estabilidade. Por moitas agresións que reciba, derivadas do clima, das guerras, da circulación viaria, do urbanismo, da modernización, permanece impertérrita no seu aspecto global. Un día poderá derrubarse un lenzo, outro un cubo, nada, anecdotario lucense. A Muralla segue como no tempo dos romanos. Un decátase do paso do tempo polos cambios que se van producindo darredor. Se todo segue igual parece que o tempo non pasa. Pois iso sucede en Lugo, que cada vez seméllase máis a Castroforte de Baralla, a cidade suspendida sobre o mundo que ideou Torrente Ballester para a Saga Fuga de JB. Todos estamos conformes co que hai. Un goberno estable como a Muralla e unha oposición bulideira que está aí como alternativa teórica coa condición de que non gañe nunca.