«Deberían modificar a Lei de Trasplantes para protexer a vontade do doador»

La Voz

LUGO

PRADERO

DOLORES CELA A ENTREVISTA Fernán Xosé Mourenza Fernández , presidente da asociación de enfermos renais Alcer Fernán Mourenza é o presidente da asociación de enfermos renais Alcer e forma parte do 25% dos 200 pacientes da provincia que están permanentemente atentos a unha chamada telefónica que lles comunique que apareceu un ril para eles. Mentras chega ise momento, Mourenza, ó igual que o resto, depende dunha máquina que lle depura o sangue, neste caso, tres veces por semana, durante catro horas seguidas. Cando rematan cada sesión, segundo o actual responsable de Alcer, o único que queren é chegar a casa para descansar. Onte Mourenza, mentras estaba enchufado á máquina respostou ás preguntas prantexadas.

11 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Facer compatibles as sesións de diálise cunha xornada laboral de oito horas debe ser difícil. -Depende do tipo de traballo. Se é sedentario e non require esforzos físicos si. Pero, é complicado compatibilizar horarios. Dende que che diagnostican insuficiencia renal crónica entras a formar parte do colectivo de minusválidos e tes dereito a unha pensión. Aquí hai xente que ten que vivir con 40.000 pesetas ó mes. -Nestas condicións debe ser difícil viaxar e organizar unhas vacacións. -É complicado. Depende do sitio onde vaias. Tes que organizarte con un ou dous meses de antelación para poder seguir indo a diálise o sitio onde te desplaces. O extranxeiro é máis difícil, salvo na Unión Europea, porque en algúns países nin siquiera teñen clínicas. -A única esperanza é a doazón, pero hai poucos doadores. ¿A normativa é a axeitada nise senso? -Penso que está mal regulado porque en última instancia depende da vontade da familia do doador, ainda que éste tomara a decisión en vida e teña carné. A Lei de Trasplantes debería de modificarse, alomenos nise aspecto, para poder respetar ó doador. -Pensa que as familias, cando lles propoñen o trasplante teñen garantías suficientes de que o proceso é irreversible. -As garantías son totais e hai que pensar que un doador pode mellorar moitas vidas.