O proxecto editorial independente Do4 publica o poemario «ailalalalelo de auga» Poesía ou música. As fronteiras entre o literario e o sonoro desdibúxanse na estrea como poeta de Xerardo Quintiá, que vén de publicar o seu primeiro poemario, «ailalalalelo de auga». Coñecido xa como narrador, Quintiá constrúe neste libro unha realidade poética que pon en conexión un territorio xa explorado nos seus contos, o rural e a infancia, cos sentimentos líricos e viscerais que agroman da natureza. O libro está editado por un novo proxecto indepentende, Do4, do que se agardan novas entregas.
07 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.O escritor Xerardo Quintiá (Friol, 1970) é coñecido polos seus contos, recollidos en dous volumes editados por Galaxia na colección Descuberta: Finísimo po nas ás e Unha soa man e outros intres. Agora, coa publicación de ailalalalelo de auga, revélase como un poeta apegado ó ritmo e á musicalidade. «É fundamental a comunicación entre o poema e o lector», entende Quintiá, quen cre que esa conexión ten como vehículos «o ritmo, a melodía e a harmonía». É, por tanto, o seu primeiro poemario, un libro para ler voz alta. Xénese Ó longo dos poemas, predomina unha visión da natureza xa abordada polo autor na súa estrea como narrador, e nesa natureza ten un papel protagonista a auga, como símbolo de xénese e de fertilidade. É nese ambiente no que discurriu a infancia de Xerardo Quintiá. «Penso que todos temos a nenez coma un referente, e como escritor volvo sempre a ela», di. Aínda máis como poeta, xa que o escritor aclara que no verso «implícome máis como persoa, como Xerardo». «Como narrador estou máis á marxe», aclara, refiríndose ó distanciamento.