Lembranzas de Cunqueiro

La Voz

LUGO

LEANDRO

LITERATURA

01 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

«Cunqueiro e Carvalho Calero na lembranza» é o título do volume que recolle o que foron as xornadas das culturas atlánticas, que, no seu percorrido en homenaxe a ámbolosdous autores, achegáronse a Lugo e Mondoñedo o verán pasado. A crónica destes actos literarios foi elaborada por Esperanza Piñeiro de San Miguel, e vén de editala o Liceo Rubia Barcia de Ferrol. No mes de maio, realizouse unha ofrenda floral a Álvaro Cunqueiro no cemiterio vello de Mondoñedo, no que tamén se lembrou a Pascual Veiga e Leiras Pulpeiro. No marco destas xornadas tamén se presentou a novela de Ramón Loureiro, O corazón portugués, coas intervencións de Pedro Blanco e Armando Requeixo. En Lugo, os participantes nestas xornadas mostraron o seu apoio ó proxecto Cúmulum, e sumáronse ás peticións da condición de Patrimonio da Humanidade para a muralla lucense. Nesta cidade tributouse a homenaxe a Ricardo Carvahlo Calero, que residiu en Lugo entre os anos 1950 e 1956, e foi director do Colexio Fingoi. No acto, que se celebrou na Galería Sargadelos, contouse coa presencia da viúva de Calero, María Ignacia Ramos. Na mesa redonda interviron Pedro Blanco Llano, Esperanza Piñeiro, Carmen Blanco e Mario Escudero. Asimesmo, o libro aborda as relacións históricas entre Ferrol e Mondoñedo, así como os da cidade departamental con Lugo. Inclúese unha referencia ó célebre pasodobre Lugo-Ferrol, e figura unha fotografía que da conta da chegada do ferrocarril en 1813. O volume remata cunha mesa redonda sobre o legado de Álvaro Cunqueiro, e dous textos do autor mindoniense sobre Ferrol, así como a intervención de Ramón Loureiro nos encontros sobre literatura que se celebran na localidade asturiana de Verines.