LITERATURA
01 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Coa desculpa de presentar un libro, tres amigos escritores xuntáronse onte nunha charla coloquio na Biblioteca Pública Provincial de Lugo para facer un achegamento á persoa e á obra de Juan Farias. O libro en cuestión é Ismael, que foi mariñeiro, a última obra deste escritor nacido na mesma vila ca Torrente Ballester, pero residente en Madrid. Nun ambiente de gran cordialidade e con constantes mostras de bo humor, os escritores Paco Martín e Xavier P. Docampo, e o subdirector xeral de Promoción Cultural, Xavier Senín, compartiron impresións literarias con Farias e falaron sobre todo de amistade. Paco Martín recoñeceu que vivira unha singular experiencia lendo a Juan Farias: «descubrir Lugo dende os ollos doutro neno». Esa vivencia permítelle calificalo como «un lugués máis do que os demáis lugueses debemos estar orgullosos». Xavier P. Docampo destacou «a morriña, a saúdade e a señardade» dos libros de Farias, mentres que falaba dun escritor no que «escribir é sinónimo de vivir». Por último, cando o autor agasallado tomou a palabra fixoo para dicir que a literatura ten un único encanto: «o que cada lector encontra nela». Da súa obra destacou dúas constantes, o amor e a morte. Algo que tamén subliñou Senín lendo este libro. Para cerrar o acto unhas palabras que reflexan as boas vibracións entre escritores e público: «Ata sempre amigos».