Recoñecemento para o creador de Xanela

Anxo González Guerra BILLÓ DE OURO 2023

TABOADA

17 nov 2024 . Actualizado a las 16:10 h.

An novembro de 2023 tiven un dos meus días máis felices cando os alcaldes de Carballedo e Taboada me entregaron o Billó de Ouro na Barrela. Alí estaba o Billó 2022, don Pegerto, un dos curas máis coñecidos na contorna, que nestes días está a celebrar a súa xubilación polo que me uno aos parabéns pola súa longa vida sacerdotal. Se me precedeu no premio un chantadés ben coñecido e nado no Rañadoiro, foime suceder nada menos que o Presidente dos Empresarios e promotor da Xanela.

Iñaki Castiñeira Alemany únese a outros empresarios desta nosa terra tamén merecentes do Billó, como Manuel Areán (castañas), Javier Taboada (leite), Javier Méndez (viño), Juan Méndez (sidra), Esther Teijeiro (viño), Faustino Fernández (construción), Roberto Sánchez (coches), Amancio López (hoteis), Mario Vázquez (viño) e Galletas Daveiga. Con Iñaki serán once empresarios, dun total de vinte e cinco premiados. Iso indícanos a puxanza que teñen os produtos agrarios na nosa comarca: sidra, viño, galletas, queixos, leite etc son ben coñecidos noutros lugares.

A todo este éxito empresarial súmase a empresa de Iñaki Castiñeira que cobre un espazo indispensable na sociedade actual, o das telecomunicacións. Xanela oferta telefonía e internet a través da fibra óptica. Faino desde Chantada e faino con nome e web na nosa lingua porque o galego é tan digno coma calquera outra lingua para todo o relacionado coa Internet. Ten tendas e dá traballo a moita xente, sobre todo xente moza e do rural («Unha historia de amor ao rural!» presumen), que máis podemos pedir? Desde logo que todo isto o fai ben merecente do Billó.

Iñaki naceu en Vic pero sempre estivo ligado a Taboada e Piñeira, o berce familiar. Estudou e traballou en Cataluña mais, para sorte nosa, decidiu formar unha familia e crear riqueza en Chantada. O que aprendeu en Cataluña (iniciativa empresarial e amor polo país) estao trasladando á Ribeira Sacra.No seu caso «o home onde nace e o boi onde pace» non é de aplicar, a el foi a terra dos seus e das vacacións a que lle tirou máis que a Barcelona natal.

Non coñecía de nada a Iñaki Castiñeira, aínda que si coñezo ben a Xanela que achegou a fibra a varios familiares meus, polo que foi un pracer estar no Vilaseco o 16 de novembro.

Nestas vinte e cinco edicións premiáronse moitos empresarios, tamén un cura, unha médica, un escultor, un profesor etc. Pero pasa como co Día das Letras Galegas, moitos homes e poucas mulleres, só dúas «billoeiras»: Esther Teijeiro e Araceli Río. Ben seguro que nos anos vindeiros se ha de ir corrixindo esta tendencia e mentres, neste outono, a Sociedade Cultural e Gastronómica Luso-Galaica e os concellos van honrar a Iñaki Castiñeira Alemany, ben feito!