Miguel Pavón: «O comercio en Taboada resiste grazas á sensibilidade dos veciños»

Carlos Cortés
CArlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

TABOADA

CEDIDA

O novo presidente da Asociación de Comerciantes e Industriais de Taboada (Acimta) anuncia unha xestión continuísta 

15 nov 2023 . Actualizado a las 16:10 h.

Miguel Pavón é o novo presidente da Asociación de Comerciantes e Industriais de Taboada (Acimta). Vencellado ao mundo do viño como propietario da adega Instinto Romano, estréase á fronte dun colectivo que acaba de cumprir 25 anos cunha considerable vitalidade e iniciativas recén estreadas. Nas súas mans están agora a segunda edición do Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra e do certame Petiscos de Nadal, ademais da colaboración da asociación co Concello na organización da Festa do Caldo de Ósos.

—Hai que agardar moitos cambios na asociación tras este relevo na presidencia?

—Non. Esta vai ser unha etapa continuísta. Eu estou desde o 2020 na directiva e neste tempo Acimta sacou iniciativas que tiveron repercusión na vila e a directiva vai tratar de continuar na mesma liña. O relevo responde simplemente ao noso convencemento de que hai que ir a unha alternancia construtiva, que permita que vaia entrando e saíndo xente para que todos nos sintamos un pouco responsables da asociación. Tamara Castro, a anterior presidenta, segue na directiva e eu agradézolle o traballo que fixo estes últimos anos.

—Cal é a situación actual da asociación? Representa realmente o comercio local?

—Eu diría que si. Na directiva temos representados todos os sectores. Acimta ten 75 socios que son representativos do tecido económico de Taboada.

—25 anos de existencia e 75 socios Non está nada mal para unha localidade que non é cabeceira de comarca. Como é que o comercio resiste tan ben en Taboada?

—A verdade é que as condicións da contorna non son as máis favorables porque temos eivas importantes en materia de infraestruturas. Aí está a débeda histórica coa autovía Lugo-Ourense, ou o mal estado da estada actual. Taboada está a medio camiño entre Lugo e Ourense e a autovía sería moi beneficiosa para nós. E o contexto económico tampouco é o máis acaído para o pequeno comercio, pero aínda así o comercio en Taboada aguanta grazas ao esforzo dos socios de Acimta e á sensibilidade dos veciños, que entenden a importancia do comercio local.

—O ano pasado puxeron en marcha o Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra, Raizames, como unha proposta distinta á das feiras do viño da Ribeira Sacra. A segunda edición vai ser igual ou haberá cambios?

—Raizame trata de encher un oco que había. Tratábase de englobar a cultura do viño da Ribeira Sacra e de facelo en Taboada. Non queríamos facer unha cousa localista, senón da Ribeira Sacra, pero que tivese lugar en Taboada e cunha periodicidade anual. Xa traballamos na segunda e vai ser parecida. Terá o mesmo fondo, aínda que tampouco queremos repetir o mesmo, senón avanzar, así que haberá cambios de contido para facelo máis rico. O mesmo se pode dicir de Petiscos de Nadal, que vai chegar á súa terceira edición e vai manter o espírito das anteriores pero trataremos de melloralo. Polo demais, tamén lle queremos dar un impulso á formación dixital dos asociados e de quen se queira achegar a nós. Estamos buscando formación e cando saia a convocatoria contarémolo.