Os organizadores darán a coñecer esta semana o programa das patronais
23 jul 2010 . Actualizado a las 11:32 h.A Festa da Mocidade de Taboada celébrase como cada ano o venres previo ás festas. Nesta ocasión terá lugar o día 6 de agosto e o programa comezará ás oito da tarde con pasarrúas e foliada a cargo do grupo Os D'eiquí. A cea servirase a partir das 21 horas na Chousa de San Pedro. As persoas que queiran asistir deberán adquirir a camiseta da festa, que terá un custo de 12 euros e inclúe a cea e a bebida que sexa consumida durante a noite. Os concertos comezarán a partir das 23 horas, e son gratuítos. Subirán ao escenario a banda liderada por Xurxo Souto Os Tres Trebóns, e o grupo A Tuna Tastafari.
As camisetas, que xa están á venda, pódense adquirir na Cafetería Mario e a través dos membros da organización.
A Festa da Mocidade comezou a organizarse en 1996 por iniciativa dun grupo de rapaces de Taboada coa colaboración do Concello. Logo dun intervalo de catro anos sen celebrarse, en 2007 foi recuperada pola asociación cultural Madialeva.
Os organizadores da iniciativa preveen que arredor dunhas mil persoas se acheguen ata a Chousa de San Pedro, «unha cifra similar á das edicións anteriores», sinalou Héctor Ferreiro Abelairas, membro da asociación Madialeva e organizador da festa.
En canto ás festas patronais, que como en edicións anteriores combinarán deportes, folclore, actuacións musicais e obradoiros para os nenos, a comisión organizadora traballaba a última hora da tarde de onte para ultimar os detalles dos festexos. Ao longo desta semana darán a coñecer o programa completo e o nome das actuacións musicais que faltan por concretar.