Xa están aí

PANTÓN

TRIBUNA | O |

01 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

QUEDAN poucas horas. Mañá pola noite comeza a campaña electoral máis disputada e dura da historia autonómica de Galicia. Se nas pasadas semanas xa custaba traballo contar o número de altos cargos e de candidatos de todas as forzas que se asomaban cada día polo horizonte, hai que supoñer que nos próximos días a terra retumbará por aquí baixo as pisadas de inxentes cantidades de políticos en estado de extrema excitación. Porque se se ten en conta que o futuro Goberno galego se decidirá en boa parte na provincia de Lugo -onde os resultados parecen máis incertos e máis susceptibles de cambios que en Ourense-, é lóxico supoñer que a presión propagandística e as promesas electorais chegarán a límites históricos nestas depauperadas comarcas da zona sur. Cabe imaxinar que tamén será histórica a concentración de políticos por metro cadrado que se rexistrará na Mostra de Viños de Pantón e na Festa da Cereixa de Ribas do Sil, que se celebrarán antes dos comicios. Non será nada raro que antes do día 19 moitos veciños do sur lucense acaben por ter pesadelos nos que se vexan perseguidos por hordas de candidatos vociferantes.