Unha educadora infantil faise cargo da Casa Niño do Incio

La Voz MONFORTE / LA VOZ

O INCIO

Eva Rodríguez é a responsable da nova Casa Niño A Colmea, que está nas instalacións da antiga escola infantil do Incio
Eva Rodríguez é a responsable da nova Casa Niño A Colmea, que está nas instalacións da antiga escola infantil do Incio CONCELLO DO INCIO

Eva Rodríguez pon en marcha «A Colmea» no local que ocupaba a antigua escola infantil municipal

23 ene 2026 . Actualizado a las 18:42 h.

A educadora infantil Eva Rodríguez López, natural de Bóveda, acaba de materializar o seu soño profesional poñendo en marcha a Casa Niño «A Colmea», na Cruz do Incio. O centro, que comezou a funcionar recentemente, ocupa o espazo da Rúa Rodeiro que antes albergou a antiga a escola infantil municipal, e, posteriormente, a Casa Niño Rebixes, da que agora colle o testemuño.

«A Colmea» ofrece atención a nenos e nenas desde os 3 meses ata os 3 anos de idade. O modelo educativo baséase no respecto polos ritmos individuais de cada neno e na creación dun «ambiente seguro, estable e acolledor». O propio nome do centro non é casual: «Fai referencia á cooperación, organización e coidado mutuo, como nunha colmea, onde cada elemento é importante», sinala Eva Rodríguez.

A responsable deste centro tiña claro dende que rematou a súa formación que quería crear o seu propio proxecto. Antes de dar este paso, acumulou experiencia durante un ano cubrindo unha baixa noutra Casa Niño do Concello do Incio, ademais de participar en diversos campamentos e actividades relacionadas coa infancia.

Actualmente, «A Colmea» xa conta cunha praza libre dispoñible, e prevese que sexa asignada nos próximos días. As persoas interesadas en obter información poden contactar ao través do teléfono 690 369 820.