O rito perdido de san Roque

O INCIO

Piden a restauración dunha capela do Incio para recuperar unha festa de especial interese etnográfico

24 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Nas proximidades da igrexa de Cervela, no Incio -onde se celebran a finais de agosto as coñecidas danzas de santa Lucía- consérvase en mal estado o escenario doutra singular tradición local que se pretende rescatar coa axuda da Consellería de Cultura. Trátase da antiga procesión de san Roque, desaparecida a mediados dos anos 80, que se celebraba o 16 de agosto nunha capela situada no lugar da Penela e nunha fonte próxima.

A asociación cultural e xuvenil Os Turulecas presentou á referida consellería unha proposta de recuperación da capela e do seu entorno, unha intervención que -segundo indican- daría pé á recuperación da festa. A capela é unha pequena edificación de pizarra do século XVII que padece importantes desperfectos a causa do abandono en que caeu. Na súa solicitude, o colectivo pide unha restauración integral dos muros e da cuberta -desmoronada en grande parte- e unha reparación do piso de pedra. «De non acometerse pronto a súa restauración, está condenada a desaparecer nun curto espazo de tempo, xunto coa historia inmaterial que leva aparellada», sinalan.

A festividade que se celebraba en tempos no lugar ofrece un especial interese etnográfico e cultural polo feito de incluír un ritual de bendición de probable orixe precristiá, talvez vinculado a antigos cultos agrarios.

Cerimonia

A procesión dirixíase a unha fonte próxima á capela, coñecida como Pozo de San Roque, que forma unha especie de pequena piscina. A auga da fonte recibía a bendición e despois era levada polos veciños ás súas casas. Ao terminar a procesión, botábase gran achegado polos devotos -xeralmente de centeo- sobre a imaxe do santo depositada na capela. Esta parte do ritual coñecíase como a bendición do pan. Ao igual que se facía coa auga, os veciños tamén levaban para a casa pequenas porcións deste gran.

Os integrantes da asociación cultural opinan que, unha vez restaurada a capela, non sería difícil restablecer a festividade perdida, xa que aínda son moitas as persoas que recordan perfectamente como se levaba a cabo esta manifestación de relixiosidade popular. Ademais de solicitar a reparación da capela, a asociación pide que se acondicione o entorno da fonte e un camiño tradicional que une os dous lugares.

A capela, por outro lado, presenta a peculiaridade de que nun dos seus muros está embutido un trozo de lápida cunha antiga inscrición en galego -un feito pouco común- que pode proceder doutra edificación máis vella situada no mesmo lugar.