Alumnos do colexio do Incio venden o produto das colmeas utilizadas nunha experiencia pedagóxica
09 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.O ciclo completo de produción do mel forma parte este ano do programa escolar no colexio público Ricardo Gasset do Incio. Os alumnos do primeiro ciclo de secundaria non só tiveron ocasión de seguir de cerca o proceso nas colmeas que posúe o centro, senón que venderon o mel producido por estas abellas a fin de arrecadar diñeiro para a excursión de fin de curso. A aprendizaxe da apicultura complementouse deste xeito cunha pequena experiencia de comercialización.
O centro xa ofrece desde hai bastante tempo aos seus alumnos a posibilidade de participar na cría de abellas, dado que o Ricardo Gasset xa contaba cunha colmea desde hai un par de décadas e adquiriu outra en tempos recentes. A pequena instalación apícola serviu este curso para desenvolver unha nova asignatura introducida na ESO, denominada Proxecto interdisciplinar , na que cada centro educativo pode escoller un tema determinado -denominado centro de interese- que sirva para combinar as diversas materias que cursan os alumnos. A apicultura, neste caso, dá pé a traballar conceptos, procedementos e valores de materias como o coñecemento do medio natural, social e cultural, as linguas, as matemáticas ou a tecnoloxía.
A aprendizaxe da actividade apícola corre a cargo do profesor Manuel Gómez, que é quen se ocupa habitualmente das colmeas, ubicadas nun terreo dos arredores do centro. Baixo a súa dirección, os alumnos participan durante o curso no coidado dos enxames e nomantemento das colmeas. Hai poucos días levaron a cabo a castra do mel, un labor propio do tempo de outono.
A recente ampliación da instalación, unida ás peculiares condicións meteorolóxicas deste ano, permitiu incrementar considerablemente a produción, que chegou a uns sesenta litros de mel. Aos beneficios da experiencia pedagóxica sumouse así un beneficio económico que axudará a financiar a excursión.