Moncho Iglesias presenta en Monforte «Baobab», a súa viaxe persoal por África

La Voz MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

O escritor Moncho Iglesias
O escritor Moncho Iglesias

O acto é este mércores 10 de decembro no Centro do Viño, onde o autor, profesor e escritor de Castro Caldelas, compartirá tamén a súa experiencia en Palestina

09 dic 2025 . Actualizado a las 20:34 h.

O salón de actos do Centro do Viño de Monforte acollerá este mércores, 10 de decembro, ás 20:00 horas, a presentación do libro Baobab, de Moncho Iglesias. A obra, publicada este ano por Edicións Tempo Galiza, propón unha viaxe singular polo continente africano a través da fusión de versos e fotografías.

Baobab preséntase como unha proposta artística onde 88 imaxes e poemas dialogan para reflectir a realidade africana. Segundo palabras do propio Iglesias, o libro é «un mapa debuxado con pasaportes» que navega polas «fronteiras que navegan as augas de ríos, lagos, mares e oasis». Unha visión que, como sinala unha lectura amiga recollida no texto, se achega a África «sen eurocentrismo nen supremacía banal”, ofrecendo unha proposta desde «unha ética radicalmente democrática».

Moncho Iglesias Míguez, escritor e profesor de lingua galega que exerce actualmente en Castro Caldelas, conta cunha traxectoria literaria composta por títulos como Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos, Pedras de Plastilina, Tren ou Cheira. Ademais, a súa experiencia vital esténdese máis aló das fronteiras galegas, porque tamén residiu en Palestina, onde impartiu clases de español na Universidade de Belén.

Precisamente, o acto de presentación en Monforte servirá tamén para que o autor comparta cos asistentes as súas viviencias e a súa estadía en Palestina, engadindo unha dimensión de diálogo intercultural ao evento.

A presentación, organizada pola Asociación Cultural, Educativa e Social aulABERTA, aspira a ser máis ca a mera presentación dun volume. A obra descríbese como un «artefacto artístico» no que a palabra e a fotografía se entrelazan para crear unha atmosfera propicia para «unha experiencia lectora proveitosa guiada pola sutileza, o contraste e a honestidade intelectual».