Un mapa que é un anaco da historia educativa lucense

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE/LA VOZ.

MONFORTE DE LEMOS

O pazo de Tor conserva o vestixio máis visible do primeiro instituto de ensino medio da provincia

20 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O exemplar restaurado do mapa de Galicia editado por Domingo Fontán en 1845 que foi presentado o mércores no pazo monfortino de Tor é o testemuño máis visible dunha etapa importante e moi pouco coñecida da historia educativa lucense. Como xa se adiantou, o mapa pertenceu ao primeiro instituto de ensino medio da provincia, que funcionou no século XIX no Colexio do Cardeal. Segundo indica Felipe Aira, investigador da historia local, aquel establecemento educativo acabou sendo clausurado ao non poder afrontar as súas graves carencias económicas antes de que o histórico edificio fose cedido en 1874 á orde dos escolapios, que o segue ocupando na actualidade.

A creación do primeiro instituto provincial de ensino medio foi ordenada nun regulamento de instrución pública promulgado en 1847. Nun principio, este centro instalouse provisionalmente no edificio do seminario pero ante as queixas do bispado e por falta dun inmoble axeitado na capital provincial, as autoridades decidiron trasladalo a Monforte ao ano seguinte.

O feito de que o principal centro educativo público de provincia se ubicase en Monforte tamén causou protestas en Lugo e desde a Deputación e outras instancias houbo presións para que o instituto volvese á cidade amurallada, o que non se logrou ata 1862. O Colexio do Cardeal foi convertido entón nun instituto local que podía impartir catro cursos de bacharelato, pero a falta de fondos impediu que este centro educativo perdurase. «Para conseguir diñeiro, o patronato que o xestionaba chegou a malvender propiedades que posuía o colexio desde que fora rexentado polos xesuítas, como unha finca que había en Piñeira e dous muíños en Ribas Altas», sinala Felipe Aira.

Pero nin así foi posible superar as dificultades económicas e algúns anos despois o instituto local, incapaz de manter ao seu profesorado e de conservar as súas instalacións en condicións aceptables, deixou de impartir clases. Durante un breve período, o edificio estivo sen uso definido, sendo atendido unicamente por un xerente. A persoa que ocupou este cargo foi José García Baamonde, que antes fora director do instituto. O seu nome figura nun documento que foi utilizado para remendar o mapa de Fontán que se garda no pazo de Tor.

Este período non durou moito. As xestións realizadas por José Casal -parlamentario e alcalde de Monforte- e outras persoas desembocaron en breve na cesión do edificio á orde calasancia e na creación do actual colexio Escolapios.